Friday 17 de May de 2024

O concello de Ribeira insta á Xunta a que faga xestións orientadas a facilitar o relevo dos palangreiros ribeirenses


Segundo acordo da Comisión de Seguimento da Evolución do Covid-19, o Concello de Ribeira decidiu instar á Xunta de Galicia a que faga xestións co goberno do Estado orientadas a facilitar o relevo dos palangreiros do noso municipio, que levan moitos meses traballando en lugares como Mauritania e non teñen posibilidade de regresar aos seus fogares.

O Concello faise eco así dunha solicitude lanzada pola Asociación de Palangreiros de Ribeira, que avoga por que ben a través da Armada ou ben dalgún outro xeito se atope unha solución a esta problemática, motivada pola falta de medios de transporte por mor da pandemia.

Atención discreta de Cáritas
Outro dos asuntos abordados foi o de difundir a nova campaña promovida no noso municipio por Cáritas Parroquial coa fin de facilitar un número de ‘atención discreta” pensando sobre todo naqueles casos de persoas que por mor do Estado de Alarma están a quedarse sen recursos pero desexan permanecer no anonimato. Ese número é o 669 422 185. Ademais, recórdase que o número de Servizos Sociais do Concello, dispoñible para atender por exemplo casos de emerxencia social, é o 981 874 131.

Noutra orde de cousas, mañá xoves terá lugar unha primeira reunión do Grupo de Traballo do Comercio coa fin de estudar posibles medidas ao abeiro do ‘Plan de Transición cara a Nova Normalidade’ dado a coñecer na tarde de onte polo Goberno do Estado e que establece unha ‘fase 0’ a partir do luns 4 de maio.

Tamén cómpre salientar que nas últimas 24 horas se procedeu a levantar 6 actas de requirimento por parte da Policía Local por vulneración do confinamento e que hoxe está prevista o remate do reparto domiciliario de mascarillas en Aguiño, en tanto que xa se comezou a distribución en Santa Uxía, comezando polas zonas de Fondevila, Deán Grande e Deán Pequeno. Se alguén no tivese recibido a súa mascarillas pode poñerse en contacto con Protección Civil a través do 981 876 029.